Thursday 16 de May de 2024

Amplíase o prazo de inscrición para o programa xuvenil Galeuropa da Mancomunidade de Ordes


As persoas interesadas terán ata o vindeiro 31 de agosto para tramitar as súas solicitudes. Disponse de 9 prazas (7 Reino Unido, 1 Italia, 1 Holanda). Está dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 e permitiralle a mellora de idiomas e a práctica en empresas

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes amplía ata o vindeiro 31 de agosto o prazo de inscrición para todas aquelas persoas que queiran participar no Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil ‘Galeuropa’ 2018. Unha iniciativa dirixida especialmente ós que teñan entre 18 e 30 anos e estén inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cuxo cargo vai ligado ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

A día de hoxe disponse de 9 prazas (7 Reino Unido, 1 Italia, 1 Holanda) para aqueles mozos e mozas da comarca que queiran aprender idiomas e realizar prácticas en empresas de distintos ámbitos e sectores durante un período de dous meses e medio. En total serán 100 horas mensuais destinadas ao ámbito laboral, ademais das que se programarán para a aprendizaxe do idioma.
Entre outros as persoas demandantes terán que cumprir os requisitos de non ter traballado nin recibido accións educativas nin formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación. Tampouco poderán participar as persoas que resultaran beneficiarias en convocatorias anteriores do programa.

Tanto no Servizo de Emprego como no Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes, departamentos responsables da posta en marcha e desenvolvemento do dito programa na comarca ordense, pódese tramitar a inscrición ou solicitar información, tanto no que se refire ás axudas individuais como ás outorgadas por administracións locais ou mancomunadas. Tamén se pode facer uso dos teléfonos 607642863 e 981680679, ou ben mediante o correo electrónico galeuropa@mancomunidadeordes.org.